Promocións

O curso do río Sarela, ó seu paso pola cidade de Santiago de Compostela, foi no pasado un lugar de especial valor para a instalación de industrias que formaron co tempo un riquísimo conxunto no que se traban estructuras de tipo rural, urbano e industrial, apoiadas nunha topografía variada e dando lugar á creación de calzadas, camiños, pontes e sendeiros que acompañan ó curso do río.

As canles que forman parte das instalacións industriais salvan desniveis e rodean prados e fincas, limitadas por tapias ou peches nas faldras do curso do río, dando paso a unha variada secuencia de muiños e fábricas que constitúen un ámbito de altísimo valor paisaxístico, ambiental, arquitectónico, cultural e histórico.

No lugar coñecido como "Casas do Rego", a 150 metros da ponte do Carme de Abaixo, na estrada que ascende ó Monte Pedroso e nas inmediacións do río Sarela, atópase a fábrica de coiros do mesmo nome e que é motivo desta promoción.

A fábrica de curtidos de Casas do Rego foi unha das máis importantes de Santiago de Compostela, dentro do mobemento de construcción industrial deste tipo de establecementos que se produxo en Santiago entre os anos iniciais da década de 1780 e a invasión francesa de 1808, e que convertiu á cidade no principal centro curtidor de España hacia mediados do século XIX.

O conxunto desta instalación industrial, establecida no ano 1791, abrangue unha supercifie de terreo de 8.700 metros cadrados, e está composta por unha serie de edificacións dentro dun perímetro totalmente pechado.

A fábrica aínda conserva en perfecto estado a espléndida vivenda dos antiguos propietarios, e dentro dun importante muro de pedra a maior parte das súas instalacións. Trátase, pois, dunha instalación industrial de gran interese pola súa estructura, implantación na contorna, o seu peculiar carácter e valor ambiental.

® 2024 Construccións Otero Pombo S.A. Todos os dereitos reservados. | Tel: +34 981 59 77 42