Nesa complexa estructura urbana coa súa pequena igrexa, a ponte sobre o río e a variada secuencia de casas que se agrupan en torno á Rúa do Carme de Abaixo, atópase a Vaquería, formando parte dunha serie innumerable de instalación que se foron desenvolvendo co paso do tempo xunto ó Sarela no borde da cidade.
Sobre o longo muro de pedra que se extende paralelo ó curso do río materializando o primeiro salto de topografía retida por muros de contención, entre tapias que delimitan as propiedades veciñas recubertas de exuberante vexetación, levántase o corpo de edificación que aloxaba a antigua vaquería. En tan destacada posición xunto ós camelios da primeira plataforma, esta construcción abandonada amosa a súa sinxela e corpulente arquitectura, dominante e distinguida aínda que aillada nunha certa soidade, tan só acompañada por restos de antiguas edificacións anexas e, algo máis alonxado da finca contíguo, o misterioso palacete modernista e o seu frondoso xardín.